Coordinación da tradución das descricións de paquetes ao galego

Ficheiro po mestre, con todas as traducións: ddtp.gl_ES.gz (6,4 MB).
MD5: 6ddfa11ec1b42e5bf5b779c21047811f

Este ficheiro publícase como referencia, para revisar de forma rápida e cómoda todas as traducións ou para usar como memoria de tradución.

Non se recomenda traballar directamente con el, por un lado polo seu tamaño que o fai pouco práctico, e por outro porque sería imposible coordinar o traballo entre varias persoas. Pídeselle a quen queira traballar nestas traducións que agarde novas na lista de correo de localización ao galego de Debian.

Actualización: (21/10/2014) Publícase unha nova versión deste ficheiro. Tal como me avisa Xosé, no anterior había moitas cadeas incorrectamente traducidas coa cadea orixinal. Isto debeuse a que ubuntu, de onde se importaron as traducións iniciais, publica traducións a medias (descricións con só algúns dos parágrafos traducidos), e os parágrafos non traducidos aparecen no medio da tradución ao galego.

Actualización: (21/10/2014) Nova versión con integración de traducións e revisións por parte de Xosé Calvo.

NOTA: Debido ao seu tamaño o ficheiro vai comprimido. Podedes descomprimilo con case calquera ferramenta de compresión, por exemplo o 7zip.

Instruccións para a tradución

Tal como comentaba, convertín as descricións dos paquetes a un ficheiro .po, separadas as cadeas por parágrafos, ordenei as cadeas por prioridade de tradución e dividín ese .po mestre en un centro de .po secundarios. Podedes atopalos aquí: http://www.findomundo.es/debian/ficheiros/

Canto máis baixa a numeración, maior prioridade terá, así que quen queira traballar, que se asigne o ficheiro de numeración máis baixa que estea libre e se poña. Para asignarse un ficheiro, simplemente mandar unha mensaxe á lista de correo de localización ao galego de Debian, con un asunto que diga algo como «Pídome o ficheiro número 3». Para comprobar se alguén se pediu algún ficheiro xa, comprobade as mensaxes enviadas á lista. Máis adiante tratarei de facer unha páxina resumo para poder ver os ficheiros asignados e a quen máis facilmente.

Unha vez rematedes co ficheiro, enviádelo de novo á lista (comprimido, por favor) para revisión pública. Nunha mensaxe respondendo á enviada anteriormente e cun asunto igualmente descritivo como «O ficheiro 3 para revisión». Despois eu me encargarei de collelo e integralo no ficheiro mestre, e rexerar o ficheiro para posterior uso.

Cada ficheiro ten 1000 cadeas. Algunhas delas xa estarán traducidas, xa que o alimentamos coa memoria de tradución de Xosé e as cadeas que había en ubuntu. Cando collades un ficheiro sería bo revisar tamén as cadeas existentes, polo menos da primeira vez.

Non fai falla traducir por completo un ficheiro para reenvialo. Podedes coller un para traballar na fin de semana e o domingo á noite envialo co feito, sexa pouco ou moito. A división en ficheiros é só para non pisarse ó traducir. Non vos quededes con ficheiros durante semanas: iso non sería práctico para os demais.

Un ficheiro volverá a quedar libre cando eu acabe de integralo e comunique que queda libre de novo.